SomosOcéano, Galician Style Fashion

O outro día en Instagram vimos un anuncio de Google Actívate na que nos sorprende unha rapaza cunha camisola na que reivindicaba a República das Illas Cíes. Logo dunhas pescudas e un chamamento polas redes sociais, logramos atopala. Moi amablemente prestouse para concedernos unha entrevista.

Bos días. Podemos saber quen é a persoa que está detrás disto? Cal é o teu nome?

Ola a todos! Son Ana Carpintero e son a responsable da marca SomosOcéano (escrito así todo xunto!)

Que pretende Ana con esta camiseta?

Camiseta República das Illas Cíes (Pincha na imaxe para ir á tenda)

A camiseta que xusto sae no anuncio foi un dos meus primeiros deseños e que seguimos vendendo xenial. Verás, eu son de Vigo, en concreto de Coruxo, e as Illas Cíes forman parte do horizonte que vexo todos os días. Así que cando imaxinei a miña marca sabía que as Illas ían a ter un papel estelar e ocorreuseme este modelo (que ninguén lle busque contido político, eh! É simplemente unha camiseta simpática e bonita). Este modelo de camiseta, tanto en algodón branco como cinza, é orgánico porque xa que estamos a facer unha homenaxe a este paraíso natural parecíame o máis coherente facelo neste tecido. As Illas, como dicía, teñen un papel protagonista en SomosOcéano porque de feito se vos fixades no logotipo da marca, ó lado das letras hai dous cadrados cunhas liñas: se vos fixades ben daredevos conta que é unha esquematización das tres illas! Ou sexa que temos ás Cíes ata no logo!

Que é SomosOcéano?

Suadoiro Riquiña (Pincha na imaxe para ir á tenda)

Pois nunha versión longa afirmo que SomosOcéano é a plasmación en algodón do moito que quero a miña terra, e nunha versión de tres palabras, que é moda atlántica sostible. As miñas prendas falan do mar, do norte, da nosa idiosincrasia e materialízanse en calcetíns con nécoras, cunchas ou faros, camisetas coa palabra Riquiña ou con mimosas douradas, ou suadoiros coa palabra Merda ou con xoubiñas nadando.

 

De onde xorde a idea? 

Calcetíns nécoras (Pincha na imaxe para ir á tenda)

Isto non foi que se me encendese a bombilla e crease a marca. Xorde de moitas frontes: a miña paixón pola moda e pola miña terra, o grandísimo futuro que ten a venda online, a miña propia experiencia anterior no mundo da moda pero dende outro prisma… todo isto fixo que nun momento dado, cando me quedei no paro, decidise volcar todos os meus esforzos en crear algo propio. Durante uns meses de investigación previa a saber por onde me ía lanzar a emprender, dinme conta que había marcas que explotaban a nosa cultura pero coido que descoidaban a parte sostible e as tendencias de moda, así que vin un pequeno nicho de mercado que é a moda atlántica sostible, como eu lle chamo.

Para a xente que descoñeza, que é Google Actívate?

Google Actívate é formación gratuíta en competencias dixitais. Os cursos poden ser presenciais ou online, ó teu propio ritmo e hai oferta dende Márketing dixital, Comercio Electrónico ata de Desenvolvemento de Apps.

Como cambiou esta formación o teu proxecto? Foi antes o idea ou curso?

Foron paralelos. Mentras estaba a desenvolver o proxecto textil con reunións con proveedores, facendo as primeiras mostras, tamén estaba aprendendo como tiña que deseñarse ben a tenda online para que fose efectiva. Coido que a formación previa fixo cos alicerces da web sexan sólidos e que o meu escaparate, que son as redes socias e a páxina, estexa ben traballado.

Canto tempo levas con este proxecto?

Teño unha data gravada a fogo: o 7 de agosto de 2016! Nese día vendeuse a primeira prenda na web. Pero como te explicaba anteriormente, houbo un traballo previo dunhs 6-8 meses de preparativos.

Calcetíns galegos (Pincha na imaxe para ir á tenda)

Onde podemos a topar os produtos de SomosOcéano? 

O punto principal de venta é a tenda online www.somosoceano.com, pero podedes atopar os productos tamén en tendas físicas en Vigo, Tui, Ferrol, Noia, Ribadavia e Fisterra (hai unha pestana de Puntos de Venda, na sección Contacto da web). E tamén acudimos a moitas feiras efímeras por toda Galicia para darnos a coñecer e falar directamente coa nosa clientela que é a mellor do mundo!

 

Para ir rematando a entrevista, como sempre facemos en Galicia Alive, deixamos os últimos momentos para que os nosos invitados, neste caso ti, Ana, nos comente o que queira.

Pois aproveitando que pronto chega o Nadal, pediríalle ós lectores de Galicia Alive que aposten polos agasallos feitos por emprendedores, pequenos artesáns e en xeral polo comercio de proximidade porque ese é o que aporta máis riqueza para todos. Tamén lles pediría que afondasen no concepto de “moda sostible” e tentasen apostar cada vez máis por prendas que non agreden ó medio ambiente e na que se respeta o traballo das persoas implicadas no proceso productivo.

Camiseta fermosa (Pincha na imaxe para ir á tenda)

Por último, gustaríanos comentarche que en Galicia Alive temos unha sección no apartado de entrevistas que se chama preguntas encadeadas. A idea é que respondas a pregunta de Iván González, ex-xogador do CD Lugo e actual xogador do CF Negreira, nos deixou e ti nos deixes outra. Esta é para ti:

Que lugar do mundo che gustaría coñecer? Ese lugar do mundo especial, aínda que fose complicado ir.

Encantaríame viaxar a moitos sitios, pero creo que escollería, por saír do corrente, ir a coñecer Kennedy Space Center da Nasa en Florida. O motivo é que me encanta todo o que ten que ver co espazo, os astronautas, as viaxes a outros planetas… e comprobar se é verdade se hai un galego na lúa!

E a pregunta que elixo é:

Que consello te darías agora se puideses ao teu eu adolescente?

Moitas gracias polo teu tempo, Ana. Foi un pracer. E moitísimo éxito para SomosOcéano, que de seguro que o terás.

 

 

Axúdanos a seguir escribindo mercando algún destes artigos de Amazon ou mercando algo a partir dos links, só se o precisas.

1 thought on “SomosOcéano, Galician Style Fashion

Comments are closed.

Verified by MonsterInsights