fbpx
Recreación dun caudillo viquingo / legadohistoria.blogspot.com.es/

A historia de Ulf, O galego, o viquingo que pasou varios anos loitando en Galicia

Tempo de lectura: 6 min.

A alta Edade Media foi unha época dura, terrible, chea de guerras e de calamidades. Unha época escura que deixou poucas pegadas para pesquisala con precisión. E, por  iso, aínda hoxe, é difícil coñecer con exactitude o que pasou neses séculos que cambiaron boa parte da xeopolítica e dos territorios da vella Europa.

Pero cando falamos de escuros, non queremos dicir que sexan negros, nin malos, nin peor que outros periodos históricos, senón só iso, escuros. Unha escuridade nas fontes e tamén no estudo material, e a falla de excavacións nesa época, que fan que cando se fale da Alta Edade Media haxa que facelo con cautela. Por iso, seremos cautelosos á hora de contar a historia de Ulf, coñecido como ‘O galego’, que acaba de poñerse de moda porque, supostamente, un arqueólogo dinamarqués acaba de atopar a súa tumba, tal e como xa adiantou esta mesma web.

Jarl Galizu-Úlfr, Ulv Galiciefarer ou Galicieulf, “O lobo de Galicia” é como se lle chama a Ulf nalgúns documentos históricos. Un alcume que lle puxeron os seus propios compatriotras dinamarqueses porque foi, precisamente, en Galicia onde colleu sona de guerreiro, mercenario e de saqueador. E foi, aquí, neste país que os viquingos chamaban Jakobsland, a Terra de Santiago, onde Ulf fixo a súa riqueza e adquiríu un gran estatus social que, co tempo, o convertirían en visabó dun rei viquingo e católico. Pero esas son xa outras historias.

Festa viquinga de Catoira, que recrea as loitas entre os viquingos e os galegos / turismo.gal

A súa chegada a Galicia

A primeira dúbida que asalta aos poucos investigadores que se adentraron na figura de Ulf, ‘o galego’, son as datas dos seus ataques a Galicia. E logo de bucear en mumerosas fontes medievais chegaron á conclusión que é posterior aos ataques de Olaf II, a comezos do século XI, e que deixaron Tui tan arrasada que tardaría case 80 anos en volver rexurdir das súas cinzas. Un Olaf que, curiosamente, pasou de ser un demo para os cristiáns a ser o primeiro rei viquingo en entrar no santoral católico… Cousas que ten a historia.

Por iso, as datas probables dos ataques de Ulf a Galicia serían entre o 1028 e 1048, tal e como se desprende da saga dos Canutidas, máis coñecida como Knytlinga Saga, redactada entre os anos 1240 e 1270, e nas cronicas de Saxo en pleno século XII. Pero, curiosamente nada aparece del nas cronicas da Historia Compostelá. Na Saga do rei Olaf, do islandés Snorri Sturlsson Snorri, tamén apaece citado, aínda que nada máis que como axudante e segundón, sen facer referencia ás súas actividades en terras galegas. Eduardo Morales Romero identifica un ataque do ano 1028, xa coa presenza de Ulf de Gallaecia. Pérez de Urbel, relacciona un acontecemento ocorrido na torre de Labio coa presenza de Ulf. Isto sucedeu no ano 1032, é dicir, 4 anos despois da chegada do viquingo danés a Galicia. Pero igualmente vincúlase a derrota dos normandos a mans do bispo Cresconio con Ulf de Gallaecia, e isto ocorreu entre os anos 1047 e o ano 1066, data da morte do bispo.

Tomando o 1047 como data máis aproximada á realidade do combate entre Cresconio e os viquingos, teriamos como resultado que a presenza e control parcial de Ulf en Galicia, foi de 19 anos, desde 1028 até 1047, segundo apunta Swabaharjaz na web haraldwartooth. Un tempo no que este viquingo saqueou, controlou e ofreceuse como mercenario a condes locais, e terminou derrotado nunha batalla na ría de Arousa.

En todo caso, a súa chegada a Galicia coincidiu cunha gran inestabilidade política e cunha Galicia dividida e enfrontada baixo o reinado de Bermudo III. E o ‘lobo galego’ semella que se aproveitou desa situación, ben para tomar parte por algúns dos bandos ou, simplemente, para aproveitar esa debilidade e saquear as cidades e vilas galegas.

Lugar da suposta tumba de Ulf, o Galego, en Dinamarca / National Geographic

Pero, quen era Ulf, realmente?

“(..) O seu pai chamábase Ulf, era conde de Dinamarca e un gran guerreiro; marchou nunha expedición viquinga a Occidente e conquistou Galicia, que arrasou e saqueou conseguindo un gran botín; e por iso era chamado Ulf o Galego; estaba casado con Bothild, unha filla do conde Hakon Eriksson (..)”, recolle a Knytlinga Saga sobre el. Tamén di que partiu “valentemente cos seus cara ao oeste á conquista de Iakosbland (a terra de Santiago)“.Segundo Vicente Risco, as lendas atribúen ao “lobo galego” a súa participación como mercenario nas tropas do conde galego Rodrigo Romariz, no asalto ao castelo de Beizo, preto da actual Lugo, no contexto das revoltas contra Bermudo III. Estas racias foron continuas, e duraron varios anos, até que foi expulsado polas tropas de Cresconio, non sen antes saquear localidades como Redondela ou recintos monasticos nas illas de San Simon , Cies e Toralla.

Pero, vaiamos por partes… No ano 1032 hai un documento monástico no que se menciona como un conde chamado Rodrigo Romariz, contrata mercenarios viquingos para combater contra mercenarios vascóns que tras independizarse do seu señor, deciden quedar en Galicia sementando o terror. Eduardo Morales Romeu escribe na súa Historia dos Viquingos en España que:

(..) Xunto ao conde Rodrigo Romariz, loitando contra un continxente de vascóns, probablemente tamén mercenarios, que tras axudar ao conde na súa rebelión contra Vermudo III, fixéronse fortes no castelo de Lapio, na diocese de Lugo e desde onde saquearon a zona, cometendo todo tipo de tropelías, polo que os abades, os monxes, e o pobo de Santa Maria pediron que puxese coto aos demais vascones. (..)

Tamén, e como recolle a web haraldwarthooth, un documento do ano 1032 narra este suceso da seguinte forma:

(..) Vermudo III, no castelo que chaman Lapio, na sede de Lugo, ano 1032. Eu, en verdade, Vermudo rei, da prole de Alfonso, de Deus omnipotente elevado no Reino; de novo o conde Rodrigo Romáriz, sobriño do mesmo Suario Gundemáriz, tivo unha axitada deliberación cos vascóns de Galicia e rebelouse contra nós, segundo óuvese dicir a moitos que quedaron entre nós. Pero naqueles mesmos días se coaligaron entre se os abades e monxes e os homes plebeios de Santa María, e pelexaron contra os do conde dos vascóns, que se asentaron na pena, dicindo que recibiran deles gran dano e desfeitas nas igrexas e refugallos en mezquinos e crebados e homicidios e furtos, deixando aquela terra erma e abatida. Entón, emporiso, xuntouse o devandito conde con todos os seus baróns e con xentes normandas, e cerco a pena e tomouna pola forza e quéimoa e arrasouna (..)

E neste feito histórico aparece mencionado Ulf, o Galego. Por iso, non son poucos os investigadores que cren que, nesa época, as racias viquingas eran constantes e importantes en Galicia e no norte peninsular, polo que non desbotan que houbera asentamentos concretos desta poboación nestes territorios. De feito, en Vicedo, na mariña lucense, no lugar de Os Moutillóns, da que xa falou Historia de Galicia,  un equipo de arqueólogos estivo estudando a posible vinculación deste sitio arqueolóxico cun asentamento viquingo.

De ser certas estas hipóteses, isto explicaría como os viquingos eran quen de moverse por bastos territorios de Galicia e mesmo do noroeste da península. Tamén explicaría como operaba Ulf, cunha zona estable de operacións desde o ano 1028. Nese ano, a raíña Velasquita Fernández, utilizou viquingos para axudar ao seu amigo Felix Agelazi a escapar desde as costas de Galicia ao cantábrico. Onde por certo, a saga de Olaf Haraldsson fala dun ataque a un porto danés en Castropol algúns anos antes.

Torres do Oeste, en Catoira, onde segundo algúns autores tivo lugar a batalla na que Cresconio derrotou a Ulf, O Galego / pinterest.es

O final dos seus ataqeus

Semella que o final da aventura galega de Ulf chegaría contra o ano 1047, cando xa gobernaba Fernando I, tras vencer a Bermudo III na batalla de Tamarón. E Ulf caería vencido baixo a espada dun home da Igrexa, o bispo Cresconio que o tería derrotado nunha batalla na ría de Arousa. Foi precisamente Cresconio quen ordenou fortificar as torres de Oeste, en Catoira, para evitar os ataques normandos, moi frecuentes por aquel entón e que puñan en perigo Santiago de Compostela, o gran centro relixioso da antiga Gallaecia.

“(..) báculo e ballesta (..) Cos seus valentes e disciplinadas hostes destruíu enteiramente o poder dos normandos que invadiran estas terras (..)”, recolle a Crónica compostelá das fazañas de Cresconio sobre un gran caudillo normando que os autores identifican con Ulf, O galego. Ese mesmo nobre dinamarqués do que aseguran ter atopado o seu enterramento.

Foi tan contundente esa derrota que Ulf viuse obrigado a retirarse a Dinamarca para non volver nunca xamais. Nin el, nin outra gran frota de viquingos. Con el comezou tamén a época decadente dos normandos en Galicia.

 

Bibliografía:

Knytlinga Saga
Saga do rei Olaf do islandés Sturlsson Snorri
Crónica Compostelá
Eduardo Morales Romero, Historia de los vikingos en España. , Miragunao, 2004
Vicente Risco, Historia de Galicia. Editorial: Galaxia, Vigo, 1978
Justo Pérez de Urbel. Historia del Condado de Castilla, 1945
Mercedes Arriaga Aragunde, Ulf, o viquingo galego, Asociación Galega para a Cultura e a Ecoloxía, 2009

Fontes: propia, haraldwartooth, hispaniavikinga,

Escrito por

Xornalista, profesor da USC e coordinador do HdG.

Pode que che interese...