Parlamento Galego

O Parlamento asume a proposta do BNG para regularizar a potencia da flota de baixura

  • Montse Prado cualificou de “desproporcionada” a actuación contra tres embarcacións de Aguiño precisamente por un problema de cabalaxe

O BNG logrou o apoio de todos os grupos na Comisión de Pesca do Parlamento para regularizar a potencia da flota artesanal e de baixura, -arredor de 500 embarcacións-, e evitar que terminen sendo pasto de sancións ou ser despezada en base a actual normativa europea.

En concreto, a Cámara aprobou por unanimidade instar ao Goberno da Xunta “a  realizar de inmediato todas as actuacións precisas que permitan regularizar a cabalaxe das embarcacións pendentes que quedaron fóra do procedemento impulsado pola Lei 9/2007”, como recollía a iniciativa nacionalista.

Con esta medida, defendida pola portavoz de Pesca Montse Prado, o Bloque pretende que as embarcacións afectadas dispoñan de maior seguridade para os seus tripulantes, “porque non é o mesmo ter que afrontar unha situación de perigo no mar cunha potencia do motor que con outra moi inferior” e, por outro lado, “afastar a posibilidade de que esta flota sega a ser pasto do desguace”.

Regularizar a potencia destas embarcacións acabaría tamén coa “especulación”, xa que a única maneira de obter máis cabalos para o motor é, na práctica, a compravenda da potencia que deixan barcos que desaparecen.

Prado presentou esta proposta na Comisión de Pesca a raíz da actuación “desproporcionada” da Garda civil no Porto de Aguiño, co decomiso de tres embarcacións do percebe precisamente por utilizar motores cunha potencia superior á declarada na documentación destas embarcacións, “que xerou unha gran alarma social e que deixou sen o seu medio de vida a aos seus titulares”.

A deputada negou que se tratase dunha situación de furtivismo, senón “dun acceso máis seguro ao recurso mellorando as medidas de auxilio e salvamento da propia tripulación e, ademais, é unha medida que non ten incidencia ningunha no esforzo pesqueiro, dado que o mesmo está regulado mediante unha cota diaria”, concluíu Prado.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG